Poesía para todas as idades

Descubriches o xenial que é ler poesía? Gústache a poesía? Se a saboreas ben, é unha experiencia única!
Aquí tes os meus libros para calquera idade, se che apetece.


Poemas birollos para ler cos ollos

Edicións Xerais de Galicia, (2016)
De 6 anos en diante

Sabías que a poesía tamén se pode ver coma se fose unha imaxe? Coma se fose un cadro? Pois si. Este libro, de xeito moi divertido, busca transmitir a poesía a través da mirada, dos ollos… e bota man da poesía visual, que se complemente coa oralidade (sabes o que é?: as cousas que se transmiten coa voz, que non están escritas).
E inclúe a ligazón a un videoxogo poético!

É un libro perfecto para que che empeza a gustar a poesía e  estou seguro de que che vai encantar. 



O meu gato é un poeta 

Edicións Xerais de Galicia, (2011)
De 8 anos en diante

Vale, este libro xa no liches, non? Xa coñeces o meu gato poeta, pero non sabes como se chama. O meu gato é un poeta é un libro divertido, simpático, para aprender cousas sobre a poesía e pasalo ben. Ademais, leva un disco con varios poemas recitados por min (Fran Alonso, claro) con música de Xurxo Souto- Non me digas que aínda non o escoitaches! Pois algunhas das cancións están nesta web. E, ademais, ten esta vez. Sabes o que quixemos facer o meu gato e mais eu con este libro: que leses unha poesía fresca, actualizada, que xoga coas imaxes e coas palabras. 



Cidades 

Edicións Xerais de Galicia, (reed.: 2013)
De 10 anos en diante

Cidades é un libro que me saíu de dentro. Así, case de repente, apeteceume moito escribilo. E escribino. E recibiu varios premios logrou convertese nun libro moi recoñecido. Nos seus poemas, falo das cidades, das rúas, dos cheiros, dos semáforos, dos domingos, das aulas, da contaminación, de cousas que lembro de cando eu era neno, da cidades que coñecín, da miña cidade, das cidades ou lugares en que vivín…
Apetéceche lelo?



Street poems

Edicións Xerais de Galicia, (2018)
De 12 anos en diante

Este é un libro bastante rebelde. Sabes por que? Porque é un libro sobre o graffiti, sobre a arte que se fai pintando nos muros e nas paredes. Son poemas combinados con fotografías coas que dialogan. As fotos fíxens eu todas e son de varios lugares de Europa e Galicia. Os poemas de Street poems son bastante gamberros, críticos, que se poden rapear. Gustoume moito escribilo. 

 


Poetízate 

Edicións Xerais de Galicia, (2006)
De 14 anos en diante

Poetízate é un libro perfecto se es unha/ un adolescente que quere ler poesía e que lle empece a gustar. Ou se nunca les poesía e queres lela por primeira vez. Este libro é unha antoloxía da poesía galega, desde Rosalía de Castro ata hoxe. Contén poemas escritos por moita xente distinta, por iso os poemas son tamén moi distintos entre si. Está pensado para que o lesen persoas que non están afeitas a ler poesía. E tivo tanto éxito que xa se reeditou 17 veces. E sabes por que? Porque a poesía non morde, nin é aburrida, romanticona, nin difícil. En cambio, é moi útil para expresar cousas que non somos capaces de dicir doutro xeito. Así que… anímate!

 


Terraza 

Edicións Xerais de Galicia, (reed.: 2017)
De 16 ata 100 anos

Se xa es unha lectora ou lector avezado de poesía, podes ler Terraza (que tampouco é un libro difícil). Escribino durante unha época en que eu ía tomar café á terraza dunha cafetería e, mentres tomaba café, observaba todo o que sucedía ao meu arredor nas outras mesas, e escribía sobre as cousas e as persoas que tiña diante dos ollos. Cada día era distinto, porque a vida avanza cada día, pero na terraza parecía coma se non pasase o tempo. Só as motos pasaban todos os días pavoneándose coa mesma insolencia.