Supoño que xa o sabes, pero por se non o sabes, dígocho eu: a música e a poesía son dúas artes que teñen moita relación entre si:
- hai moitos séculos, a poesía recitábase acompañada de música
- hai músicos que son poetas
- hai poetas que son músicos
- hai poesía, por exemplo, nas cancións de berce que nos cantan as nosas nais e pais cando somos bebés
- facemos poesía cando cantaruxamos as sortes, para xogar no recreo.
- facemos poesía, e moita, cando rapeamos.
- hai poesía nas letras das cancións.
- hai poemas que parece que foron escritos para ser cantados.
- e moitísimo máis…
Pois, sabendo que a música e a poesía eran como dúas irmás xemelgas, Xurxo Souto e mais eu chegamos á conclusión de que o libro O meu gato
é un poeta tiña que levar banda sonora e había que gravala nun disco.
O CD é a banda sonora do libro e foi gravado nos estudos de Casa de Tolos (Mañufe, Gondomar) en marzo de 2010, co traballo técnico de Segundo Grandío e Pablo Casal. Segundo Grandío, que tamén é músico, toca o contrabaixo nalgún tema.
A música tan lambona do disco compúxoa Xurxo Souto para catro poemas de O meu gato é un poeta («O meu gato poeta», «O amor», «O mar» e «Cantiga da escola») e para dous de Cidades («Na miña cidade» e «Teño un amigo que dorme»). El tamén é a persoa que toca o acordeón mentres eu recito. Ademais, Xurxo Souto canta no tema ou poema «O amor» e ambos os dous miañamos coma verdadeiros gatos na canción «O meu gato poeta».
A que parecemos gatos de verdade?
Coñeces a Xurxo Souto? Seguro que si.
É músico e escritor.
Xurxo Souto fundou en 1990 o grupo de rock Os Diplomáticos de Monte Alto, que cantaba en galego; fundou o movemento Bravú; tivo varios programas de música na radio e agora tocou noutra banda que se chama
Os tres trebóns.
Ademais, tamén é escritor e publicou varios libros.
Xurxo Souto e mais eu pasámolo moi ben preparando este disco.
A ver se ti o pasas igual de ben escoitándoo!
Música e acordeón: Xurxo Souto
Contrabaixo: Segundo Grandío
Voz: Fran Alonso
Técnicos de son: Pablo Casal e Segundo Grandío
Queres escoitar o disco completo e facer comentarios?
Entra co contrasinal que está na páxina 8 do libro O meu gato é un poeta.