A lingua, cando está nun poema, é como o chicle: podes estirala, encollela, facer globos, modelala, podes darlle forma, triturala, inchala…
A lingua, nun poema, está en estado de liberdade pura.
Por iso a poesía é o xénero máis libertario e máis transgresor á hora de escribir. Igual que un chiche na boca, podes estirala, facendo globos ata que rompa.
E, ás veces, rompe. Rompe, pero non morde.
En definitiva, a poesía
a l o n g a a l i n g u a
Faina máis longa, máis grande, máis expresiva. Por iso, o máis acertado é dicir que a poesía serve para explicar emocións que non veñen nos dicionarios.
O importante, cando lemos un poema, é que as palabras se nos metan dentro do corpo. Como existen moitísimos poemas en moitísimos libros, seguro que atopamos un no que as palabras se nos metan dentro do corpo. Porque non pasa con todos. Nin a todo o mundo lle pasa co mesmo poema. Cadaquén debe ir na procura dos seus poemas, dos que se lle meten dentro do corpo, deixando que as palabras lle fagan cóxegas na tripa. Iso é o máis importante cando lemos un poema: que nos faga cóxegas na tripa. De todas as cousas para as que vale un poema, esa é a mellor. A máis bonita.
¿Para que vale un poema? Para nada e para moitas cousas ao tempo.
Para cantar, para berrar, para presumir, para recitar, para aburrirnos, para divertirnos, para musicar, para atoparte a ti mesmo, para atopar os demais, para rebelarte contra o mundo, para rapear, para namorar, para reflexionar, para falar suave na orella, para contar segredos, para dicir cousas que só te atreves a dicir dese xeito…
¿Queres coñecer os meus motivos para ler poesía?