Cando un globo sobe polos aires buscando a súa liberdade, parécese ás palabras dun poema.
A poesía escríbese con palabras. Iso é o máis importante dun poema. Todas e cada unha das súas palabras.
Para escribir un poema ínchanse as palabras, coma se fosen un globo. Hai que conseguir que as palabras se fagan grandes.
E ao inchalas, as palabras medran e significan máis cousas do que significan normalmente. Ou significan cousas distintas. Nos poemas, as palabras son máis grandes, máis ricas, máis cheas.
Ás veces, cando se inchan moito, as palabras estoupan e parécenos que os poemas son máis difíciles de entender.
Por que? Porque daquela as palabras poden significar moitísimas cousas. Todas as que queiramos. E ás veces nin sequera entendemos todo o que queren dicir.
Pero non importa. O importante é o que as palabras nos din a nós. A cada un de nós. Porque non todos somos iguais.
Así que, soprémoslles ás palabras, inchémolas, enchámolas de cousas, de vida, de significado.
Iso é facer poesía.